MobileCon para Android | Desenvolvemento da app Android para a conferencia Mobilecon Galicia

MobileCON Galicia foi unha conferencia sobre desenvolvemento móbil levada a cabo o 9 de decembro de 2011 en Santiago de Compostela. Organizada por Martín Pérez e María Encinar, o evento congregou a unha selección de poñentes cun marcado perfil tecnolóxico, con charlas moi interesantes para os interesados na mobilidade, e a un nutrido grupo de asistentes interesados neste tipo de desenvolvementos. A conferencia serviu como punto de encontro para os profesionais do desenvolvemento móbil en Galicia (tanto de iOS e Android, como de outras tecnoloxías), traíndo a poñentes de toda España.

A aplicación desenvolveuse o día antes do evento, baseándose no código fonte de IOSched de Google. Modificouse para non requerir dun sistema de publicación de contidos específico, sen necesidade de publicar XML ou JSON nun formato específico, senón que usase directamente contidos HTML formateados para dispositivos móbiles. Deste xeito, a aplicación contaba con dinamismo na carga de contidos, facilitando a corrección dos mesmos no caso de erros, e podendo introducir cambios nas poñencias, horarios ou información de utilidade sen necesidade de que os usuarios actualizasen completamente a aplicación. A adaptación do código fonte consistiu nun rebranding da app, adaptándoa ao logo do evento, e a substitución de pantallas complexas pola carga de contidos remotos. Desta forma implementáronse as seguintes seccións:

  • axenda
  • mapa
  • poñentes
  • información, con datos sobre o evento, enlaces de utilidade, enlaces ao material facilitado polos poñentes…
  • monitorización dos comentarios en tempo real, a través do hashtag #mcongal en Twitter
O traballo realizouse nunhas horas, e liberouse o seu código o día antes do evento, no intre da publicación no Android Market. O código fonte liberouse como unha pequena contribución ao evento e aos seus participantes.